Desde el corazon salvaxe de Ferrol(La cronica completa aki)

Alén de Nós, Máis Nada!
Sábado 18
Última xornada e tamén a derradeira. No Vermouth Poético programado para a unha e media no Cazadores, Carlos Oroza.
Un mito. O autor de Cabalum, aquel poema destinado a perderse na marea
festiva e hedonista dos anos oitenta, tiña para min as mellores
referencias. Moitas noites de viño e herba tiña escoitado aos meus
amigos máis vellos a crónica dos recitais de Oroza naquela altura.
Tamén a historia de toda unha xeración perdida de escritores que se
negaran a participar no sistema, nas componendas da cultura galega, e
ficaran nas marxes con escasas excepcións. Xente tan libre como
descoñecida. Entre xente desa predicaba Oroza nos oitenta ás súas
ladaíñas lúdicas, que lles chamou Chichí Campos
no seu día, onde a palabra se esvaía en pura sonoridade. Os recitais de
Oroza, acrecentaba aínda o xenial humorista, deberan ser unha
terapéutica necesaria. Entre os poemas míticos do viveirense, citábase
o América, cos célebres versos nos que Poe se transformaba en corvo.
Y Poe estaba americando. Y Poe llevaba un bicho que había salido por su boca.
Y era Poe, Poe, Poe.

- O poeta en acto
Pedín na barra un martini, xa que
estabamos nun vermouth poético onde supoño eu debía consumirse como
mínimo tanto vermouth como poesía. A voz de Oroza, un tanto fraxilizada
pola idade, comezou logo a entoar os primeiros versos. De novo, como no
día anterior, fíxose un silencio reverencial no que o poeta puido
brillar co seu recitado pulcro e señorial.
A cabeza fóiseme outra volta para
aquela época na que o desengano virou ás cabezas cara á vida e o
presente inmediato. Nesa política da supervivencia fomos educados nas
rúas galegas moitos adolescentes que comezábamos a andar camiño daquela
e por iso a melodía severa de Oroza convocábame fantasmas propios.
Cousas que me dá por pensar nos recitais axeitados.
Un video entre poema e poema, e
finalmente o América, que por fin puiden escoitar ao vivo. O poeta foi
obrigado a un pequeno bis cando aínda resoaban os versos de Cabalum
coma un singular eco do poema de Ginsberg recitado na primeira xornada
por Guillermo e Karlotti.
Era toda América crucificada a la orilla Toda la América insalivada
y fija .
Brazos saliendo del mar crucificados avanzando brazos pájaros
sin cabeza.
Brazos voces sumisas en la orilla.
Fomos comer despois do sagrado acto, o
Marcos, o Estevo, a Leire e a Déborah, o Ildefonso, a Cora e máis o
Víctor dos Sin Red, Olaia e o Iván, mozo ferrolán que acompañara
practicamente todos os recitais da Semana. Eu tiña claro que un
chuletón era a única opción gastroduodenal posíbel despois de tres días
de cañas e racións. A conversa na mesa comezou a fluír con bo espírito.
Falouse de psicomaxia, da charlatanería de Jodorowski e Sánchez Dragó,
dos curandeiros tradicionais e de episodios de curacións
extraordinarias, da alternativa máxica ao actual sistema científico, de
poesía e acordeóns e das técnicas repentistas dos Bertxolaris, das que
Leire nos ofreceu un áxil exercicio versificando en euskara o momento
con salva de palmas global. Bravo.
Unha sesta e ás seis e media encontro
no Teatro Jofre. Guillermo e Karlotti convocárannos a todos os
participantes para un diálogo aberto antes do concerto de Coppini e o
Comando Delta. Entre que uns chegaban e outros non, fómonos entretendo
na terraza do Teatro Jofre, desde onde se vía unha fragata no porto, se
cadra en reparacións. Unha tarde fresca e soleada, ideal para música e
café. Ao final xuntámonos uns cantos e Guillermo e Karlotti
expresáronnos a súa satisfacción polo resultado da Semana e a súa
convicción de darlle continuidade ao encontro anual en Ferrol. Paréceme
a min que a cousa paga a pena e que calquera dos que alí estivemos
facemos votos por que a idea medre e chegue a ser unha gran referencia
no mundo da poesía propia e allea. Foi mágoa non poder ter contado con
Pimenta e Ruiz Zink. A poesía portuguesa cáenos ben a man e conta con
talentos moi clarificadores na construción de poéticas contemporáneas,
das que penso eu andamos bastante necesitados pola banda de Lestrove. É
só unha opinión. Se cadra ten razón o Pedro Ferrández e tamén hai que
volver un pouco ao clasicismo, ao tema de rimar e crear ritmos claros.
Isto da poesía, ben se ve, éche un negocio confuso.
Un café perto e o último acto do programa. O esperado concerto de Germán Coppini e o Comando Delta.
Un traballo montado en tres días de ensaios asasinos. Tiña noticia de
que os músicos estaban bastante satisfeitos porque Coppini soubera
establecer moi rápido a comunicación con eles e a cousa, aínda que
apurada, avanzaba por onde debía. De camiño para o Jofre atopamos ao
Paco Pestana, que viña de flipar cos peixes no mercado e coas
habelencias cromáticas dos polbos.
Posted at 07:04 am by malatesta